Monday 06 de May de 2024

Modificación da programación da semana que vén


Debido á situación sanitaria, o Concello decidiu suspender as actividades organizadas para o luns e martes da semana que vén, cando estaba previsto que un grupo de paxes dos Reis Magos e outros persoeiros do Nadal percorresen os locais sociais das distintas parroquias para recolleren as cartas da rapazada, ademais de convidar á veciñanza a merendar chocolate con roscón.

A área de Cultura, como medida preventiva, optou por non levar a cabo esa parte da programación da recta final das festas, aínda que os Reis Magos si andarán por San Sadurniño na xornada do mércores 5.

Chegarán ás 10 da mañá á estación de Silvalonga e, deseguido, visitarán a Escola Infantil Municipal e o Centro de Día na compaña das pandereteiras da escola municipal. A primeira hora da tarde tamén se achegarán á residencia A Súa Casa para levarlles agasallos ás avoas e avós, ademais de botarlles unhas panxoliñas coa colaboración do grupo de Cantos de Taberna.

Non haberá cabalgata, pero si unha recepción “estática” aos Reis Magos que se celebrará ás 17:00h na praza do antigo Concello. Nese caso, Melchor, Gaspar e Baltasar presentaranse diante da rapazada e as familias ao son da agrupación da escola de gaita e percusión.

Hoxe xoves ás 18:00h., “O máis difícil todavía” de Circus Magníficus na Casa da Cultura
Risas aseguradas coas incribles destrezas circenses do Grande Marino e os non tan atinados números do seu discípulo, o desastroso Samuino. A parella Circus Magníficus leva á Casa da Cultura un auténtico show de malabares, acrobacias, clown e todos os números clásicos do circo tradicional, adobiados por eles dous con gags surrealistas que lle farán pasar unha hora ben entretida a públicos de todas as idades.

A entrada é de balde, pero fai falla reservar no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Apertura do Belén da Casa do Concello
Lembramos, ademais, que hoxe á tarde tamén estará aberto o Nacemento instalado no patio interior da Casa do Concello. O grande Belén montado por Marián Arroyo con axuda doutras veciñas e veciños de San Sadurniño poderá visitarse desde as 16 até as 20:00h. Non é necesaria reserva, pero si obrigatorio cumprir co uso da máscara e da separación interpersoal.

O Nacemento volverá abrir o domingo 2 de xaneiro pola mañá -de 11 a 14:00h- e tamén na tarde do 5 de xaneiro. O luns, martes e mércores tamén pode visitarse polas mañás nos horarios de apertura das oficinas municipais.